Tema 2: O MCER, o plurilingüismo e a pluriculturalidade

Benvidas de novo benqueridas lectoras e lectores!

Hoxe tráiovos unha entrada chea de lingua e cultura! O certo é que ata ben pouco eu descoñecía exactamente o significado da competencia plurilingüe e pluricultural e o seu desenvolvemento nas aulas. Tamén falaremos a grandes trazos do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas, de aquí en diante chamado polas súas siglas: MCER. Espero que vos resulte un tema interesante!

Antes de chegar ata a competencia plurilingüe e pluricultural, debemos comezar polo principio e falar un chisco sobre o Marco Común Europeo de Referencia para as linguas, pois é aquí onde se recollen e se explican estas competencias.

O MCER é un documento redactado polo Consello de Europa que se toma como referencia á hora de avaliar a aprendizaxe que se realiza dun idioma. Cómpre dicir que é o Marco quen se encarga de establecer unha base común e integradora para toda Europa mediante a redacción das metas que se deben acadar para comunicarse nunha lingua diferente da propia. Tamén define os coñecementos e destrezas que se deben adquirir en cada nivel mediante o emprego de descritores, que como o seu propio nome indica, describen os niveis mínimos necesarios para determinar se pertences a un nivel ou a outro. O MCER establece os diferentes tipos de usuario (básico, independente e competente) e os niveis ós que estes pertencen segundo o seu dominio da lingua, van dende o grao máis básico (A1), ata o grao máis avanzado (C2). Na seguinte imaxe podemos observar con maior claridade as divisións dos tipos de usuarios e dos niveis ós que pertencen.



Os niveis que se amosan na imaxe son moi útiles á hora de querer comprobar con que soltura e dominio se pode expresar unha persoa nun idioma. Mais pode que esta persoa, malia que pertenza a un nivel concreto, teña un dominio superior do idioma nalgún aspecto. É dicir, unha persoa pode ter certificado un nivel B1, e ter asemade unha capacidade de comprensión e expresión orais superiores, de nivel B2 por exemplo, ou mesmo competencias de expresión escrita de nivel inferior, polo que se podería dicir que ten un A2 nesa competencia.

O que pretendo explicar con isto é que non todo o mundo acada as mesmas competencias ó mesmo tempo nin coa mesma facilidade, os niveis nos que se divide o marco serven para establecer as características comúns e para determinar, dunha forma máis doada, as diferentes competencias dos estudantes dunha lingua.

Unha das competencias que, ó meu ver, se trata dunha das máis importantes é a competencia pluricultural, pero antes debemos explicar en que consiste ser plurilingüe ou multilingüe posto que estes termos van da man, en especial os dous primeiros. Tras establecer as diferencias que existen entre as competencias e explicalas de forma xeral, remataremos a entrada cunha breve reflexión do que se falou.

Comecemos polo principio: non, os termos plurilingüe e multilingüe non son sinónimos, aínda que moitas persoas pensen que si o son. Esta confusión é bastante habitual, pois si que se asemellan bastante na súa definición; de feito no dicionario da Real Academia Galega (RAG) aparecen como sinónimos coa mesma definición, algo similar acontece no dicionario da Real Academia Española (RAE): se procuramos plurilingüe ou plurilingüismo remítesenos ás entradas multilingüe e multilingüismo, respectivamente. E como sabemos entón que diferencias existen entre estes termos? Moi fácil, no MCER atoparemos a resposta desta pregunta, vexamos que se di.

Comezaremos explicando, en primeiro lugar, en que consiste o multilingüismo segundo o Marco: «O multilingüismo é o coñecemento de varias linguas ou a coexistencia de distintas linguas nunha sociedade determinada». (MCER: 27)

Vexamos un exemplo:

Se observamos a imaxe que está á nosa dereita igual podemos comprendelo mellor. O mapa indica as diferente linguas oficiais e cooficiais do estado español e en que territorios se falan. En cada un dos territorios sinalados: Galicia, o País Vasco e Cataluña, estúdase ademais do castelán e dunha lingua estranxeira, a propia lingua dese territorio. Tomemos Galicia como referencia:

En Galicia, non só se emprega ou estuda a lingua castelá, se non que tamén se traballa a adquisición do galego e  a maiores tamén se estuda unha lingua estranxeira, como mínimo, nos cursos da ESO. O mesmo acontece coas outras comunidades autónomas e é por isto polo que Galicia, o País Vasco e Cataluña son sociedades multilingües, e as persoas que habitan nestes lugares e practican ou empregan todos estes idiomas, tamén son considerados como multilingües.

Por outra banda temos o plurilingüismo­­, que o MCER define como unha competencia que debe ser completada no contexto do pluriculturalismo. (MCER: 29)

O Marco tamén di que o plurilingüismo consiste no desenvolvemento da competencia comunicativa mediante a expansión da experiencia lingüística dun individuo nos ámbitos culturais dunha lingua. Este individuo non mantén estas linguas e culturas en compartimentos estritamente separados, senón que todos estes coñecementos, experiencias lingüísticas e linguas se relacionan entre si e interactúan. (MCER: 27) Pero non debemos esquecer que a competencia plurilingüe vai da man da pluricultural.

Segundo o Centro Virtual Cervantes (CVC), a competencia pluricultural é a capacidade que ten unha persoa para participar en encontros interculturais, grazas á interrelación entre a experiencia que se posúe en diversas culturas e o coñecemento das súas linguas.

Para aclararnos:

A competencia plurilingüe e pluricultural van da man e no MCER se definen como a

«capacidade de empregar as linguas para fins comunicativos e de participar nunha relación intercultural na que unha persoa, en canto axente social, domina –con distinto grao– varias linguas e posúe experiencia de varias culturas». (MCER: 233)

Vexamos a seguinte imaxe como exemplo:

Se a cada cor lle asignamos unha lingua diferente, o individuo que fale as diferentes linguas é considerado como unha persoa plurilingüe, pois estas linguas se relacionan entre si. Mais que esta persoa teña un bo perfil plurilingüe non significa que se teña un bo perfil pluricultural, pódese ter un bo dominio dun idioma e descoñecer a súa cultura, polo que, na miña opinión, a aprendizaxe estaría incompleta.

É por isto polo que, malia que sexa posible a aprendizaxe plurilingüe dos idiomas, na miña opinión, unha lingua nunca será totalmente comprendida e adquirida se se descoñece a súa cultura. É importante fomentar a aprendizaxe de diferentes idiomas a través da cultura, e non basearnos en estereotipos da mesma. Pero como por algún lado hai que comezar, ampliemos os nosos coñecementos culturais, non tomemos como referencia os estereotipos e melloremos así a nosa competencia plurilingüe e pluricultural.

Espero que agora que sabedes máis sobre este tema vos apeteza ensinar as linguas estranxeiras dende as competencias plurilingüe e pluricultural.

Ata a próxima!


Referencias

Centro Virtual Cervantes, competencia pluricultural

Centro Virtual Cervantes, plurilingüismo

Consello de Europa, Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación

Comentarios

  1. Ola! Moi interesante a entrada. A verdade é que eu tampouco tiña nada clara a diferenza entre estes termos. Estou completamente de acordo coa túa reflexión final respecto á importancia de ampliar os coñecementos sobre a cultura para a apredizaxe dun idioma. Penso que este aspecto, de feito, é un dos menos traballados nas aulas (polo menos pola miña propia experiencia, que pode estar xa desactualizada). Diría que se tende a ver as linguas unicamente como ferramentas para comunicarse, e non se lles atribúe a importancia cultural que deberían ter, especialmente no caso de linguas minoritarias. Pregúntome ata que punto sería posible incluir o coñecemento sobre as culturas nos niveis do MCER, como un elemento máis a ter en conta. Un saúdo!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas, Diego!
      En primeiro lugar moitas grazas polo comentario! :)
      Na miña experiencia acontece o mesmo: dentro das aulas de linguas estranxeiras hai un enfoque demasiado teórico con respecto á aprendizaxe dun idioma no canto de poñela en práctica ou mesmo de aprender aspectos culturais doutros países para educar dende o respeto e a tolerancia.
      Saudiña! :)

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares