Tema 3: A cultura estereotipada
Benvidas de novo benqueridas lectoras e lectores!
Hoxe tráiovos outra entrada que reborda cultura, ou mellor dito,
estereotipos. Si, lestes ben, esta entrada versará sobre a forma de ver
diferentes culturas, en concreto como ven os americanos a cultura española e tamén
como ven os españois a cultura británica. Tras esta comparativa poderedes ler a
problemática dos estereotipos e o que eu faría nun aula de linguas
estranxeiras, como docente, para intentar educar dende a tolerancia e o respecto.
Comecemos definindo o este termo:
Segundo o Dicionario
da Real Academia Galega un estereotipo é: «Idea ou expresión que por ser
moi utilizada é totalmente convencional e carece de orixinalidade e de
significación.»
Si, a definición da RAG está moi ben, pero necesitamos algo un chisco máis
específico para esta entrada, polo que proporemos a nosa propia definición sen
deixar a primeira de lado. Para o entendemento deste termo na presente publicación,
diremos que un estereotipo é unha
simplificación da cultura allea por descoñecemento da mesma, só se coñece unha
única versión, unha única historia desa cultura.
E falando de historias, vouvos deixar aquí a de Chimamanda Ngozi Adichie
que narra como medrou, como comezou a escribir e das personaxes das súas
composicións. Narra como se decatou de que cando escribía obviaba a súa propia
cultura e tamén como conseguiu cambiar para non caer na problemática da
historia única. Botádelle un ollo, logo xa o volveremos a comentar! J
Pasemos a falar agora sobre como somos os españois segundo a perspectiva británica, americana ou de calquera país de fala inglesa. Comecemos polo idioma, adóitase pensar que en España só se fala en castelán, mais sendo española porque non escribo nesta lingua? Pois ben, porque ademais de castelá falante son galega e emprego esta miña lingua como primeiro idioma; e coma min, un montón de galegos máis. Pero tamén hai mais idioma en España que non sexan o castelán e o galego, temos unha gran riqueza lingüística pois tamén se fala euskera (País Vasco) e catalán (Cataluña) na nosa península. Se hai catro idiomas en España, por que non se nos coñece por un país cunha gran riqueza lingüística e si como monolingües?
Tamén se adoita pensar que todos os españois só saben cociñar paella e tortillas. Si, é certo que cociñamos estes pratos, pero non é o único que sabemos cociñar! Podemos facerche un cocidiño galego, unhas vieiras ou un gazpacho ben bos tamén! Ai, de tanto falar de comida estame entrando a fame… Vamos a un bar a tomar unha tapa? Si, este é outro estereotipo, inda que este non está tan desencamiñado, na miña opinión, polo menos na zona na que eu vivo. No meu pobo, e tamén nos do lado, adoitase dicir que hai máis bares que persoas pois o número de bares por habitante nestes pobos é bastante elevado. Tamén é certo que a determinadas horas do día danche unha tapa coa consumición, pero non todos os bares fan isto.
Sigamos
coa cultura, deixemos xa a comida e os bares que me dan gañas de saír da casa a
tomarlle unha e en tempos da Covid non se debe! Os españois somos coñecidos
tamén por un baile tradicional sevillano: o flamenco, polo que se adoita pensar
que todos os españois o sabemos bailar, mais en España hai moitos máis bailes
rexionais e moi coñecidos. En Galicia temos a muiñeira (que non todos os
galegos saben bailar), en Aragón a xota, a sardana en Cataluña e en Madrid o chotis.
Pénsase
tamén que os españois son uns vagos que só saben beber, saír de festa, durmir a
sesta e ir á praia pois neste país fai sempre calor! Pois vai ser que non… Non
somos uns borrachos, nin tampouco uns vagos que só saen de festa e botan unha
sesta, a ver que hai de todo, pero en xeral estes adxectivos son o que
describen á meirande de estranxeiros que veñen pasar o verán ó sur de Galicia.
Ai, se viñeran para o norte quitábaselles da cabeza iso de que sempre fai sol e
calor en España!
Por
último, tamén se di que os españois son fieis seguidores dos touros. Outro
clixé que non corresponde, de feito hai un debate constante entre as persoas
que defenden as corridas de touros e as que non. Persoalmente, eu son das que
defende que as corridas de touros son un atentado contra estes animais, e que
simplemente por ser española se pense que o defendo, molesta un chisco, así que
imaxínate o que han pensar os ingleses dos clixés que se teñen en España sobre
eles!
Para
nós os ingleses son sempre serios que van cun aire de superioridade e elegancia
pola vida. Isto pode deberse a que simplemente na súa cultura, ser educado
consiste en pedir desculpas por todo (salvo polo tempo atmosférico): chegar
antes de tempo, chegar tarde, por tusir, pedir a conta nun restaurante… Pero
isto non significa que sexan altivos ou serios, simplemente que na súa cultura
se adoita pedir desculpas con relativa frecuencia.
Outro
clixé sobre os británicos é sobre a bebida, e non só falamos da alcohólica (que
tamén) se non do té. Tan importante é esta bebida que ten un momento especial:
a hora do té! E malia que sexa certo que o té lle guste a moitos británicos,
dubido moito de se trate dunha obsesión, tal e como se pensa.
Por último, adóitase pensar que tódolos británicos viven en Londres e que sempre fai mal tempo, e que cando se albisca un raio de sol, quéimanse en seguida! En primeiro lugar, hai moitos máis sitios ca Londres: Manchester, Irlanda, Liverpool, por mencionar uns poucos. E en segundo lugar, inda que o tempo atmosférico adoite estar nublado ameazando chuvias, no Reino Unido tamén saben o que é o sol.
En
resumo! Malia que haxa algo de certo en todos estes estereotipos, cómpre non sucumbir
ó problema da historia única á que se refire Chimamanda. Dende a aula de
linguas estranxeiras podemos empregar os estereotipos para chamar a atención do
alumnado, mais deixando claro que se trata dun clixé, que non todas as persoas
británicas ou de fala inglesa se comportan do mesmo xeito. O mesmo que cos
estereotipos sobre os españois: non son máis ca iso, tópicos, non representan a
toda a poboación, hai máis cultura da que se deixa entrever. Anímate a non ter
unha única historia, investiga, infórmate e descubre realmente culturas
diferentes!
Espero
que vos gustase esta entrada. Ata a próxima! J
Ligazóns
de interese:
Expatica
– 7 Spanish stereotypes
Gapyear
- 12 Stereotypes of British People You Need to Know About
HUFFPOST
– 12 Stereotypes About The Spanish That Are DEFINITELY True
HUFFPOST
- 12 Stereotypes About The Spanish That Are Totally NOT True
TED
– Chimamanda Ngozi Adichie: The danger of a single story
The
Culture Trip - 14 British Stereotypes That We Won't Even Try to Deny
Comentarios
Publicar un comentario