Tema 6: Diario

Benvidas de novo benqueridas lectoras e lectores!

Hoxe falaremos do que se viu na clase: As Linguas Estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional durante as sesións relacionadas co tema 6 que versou sobre as programacións didácticas.

Así, de boas a primeiras, como unha futura docente, escoitar que terei que elaborar unha programación didáctica para as oposicións asusta, en especial porque aínda non sabía moi ben que era o que debía facer para elaborala. Nesta entrada esclareceremos un pouco os contidos e apartados que ten unha programación, espero que vos resulte interesante!

Comecemos polo principio: que é unha programación didáctica? A programación didáctica é un documento no que o persoal docente recolle e establece a planificación do proceso de ensinanza-aprendizaxe onde, tras unha análise do contexto no que se vai aplicar, decídese: a quen vai destinada, que se vai traballar, como se vai facer, cando se vai levar a cabo e como se vai avaliar, tendo en conta o marco legal de referencia.

Agora ben, xa establecemos un punto de partida, pero que elementos teñen que incluírse na programación que vaiamos defender nas oposicións? Por onde se empeza?

Como sempre, hai que comezar polo principio polo que na nosa programación, con respecto ós contidos, o primeiro que debemos redactar e a introdución. Esta introdución deberá constar de dúas partes:

A primeira xustifica a importancia que ten esa programación apoiándose nas necesidades do momento e na normativa actual. A segunda parte da introdución consiste nunha contextualización xeral da contorna xeográfica da localidade e do centro, da situación socio-económica xeral das familias e tamén das características do alumnado para o que se elabora a programación­.

Tras a introdución incluiremos un apartado sobre as competencias chave, que tendo en conta a LOMCE, as describas e definas como se traballaría na programación a realizar.

No seguinte apartado debemos definir os obxectivos xerais da programación, que se establecen no currículo das ensinanzas que se vaian impartir.

Este punto vai seguido pola descrición dos contidos onde nunha primeira parte estableceremos os contidos mínimos que se inclúen ó longo das unidades didácticas. Tamén falaremos sobre os elementos transversais e de como se desenvolverán en relación co que se vai impartir. Incluirase tamén unha enumeración de tódolos contidos que se inclúen nas unidades didácticas e da colaboración entre o profesorado para que o alumnado adquira de forma transversal tódalas competencias chave. En segundo lugar establecerase a secuenciación (orde dos contidos) e a temporalización (cantas sesións lle corresponden a cada unidade didáctica).

Tamén teremos que incluír un apartado dedicado exclusivamente á metodoloxía que explique que modelo imos seguir e a que principios e estratexias metodolóxicas nos cinguiremos ou empregaremos.

Tras a descrición da metodoloxía empregada procederemos a expoñer a forma na que imos tratar a avaliación, non só do alumnado mais tamén da programación didáctica que nos ocupa.

O proceso que vimos de ver, é complexo, longo e mesmo pode causar tedio polo camiño. Por isto se recomenda traballar na programación pouco a pouco, no canto de deixala ata que falte pouco para as oposicións.

Espero que vos gustase esta entrada. Ata a próxima!

Ligazóns de interese:

El portal del opositor

Econosublime – Javier Martínez Argudo

 

Comentarios

  1. Ola Paula! Moitas grazas pola túa entrada! Paréceme que explicas todo de forma moi clara e ben ordenada. Como dis, crear a programación da bastante medo de primeiras e é preciso dedicarlle moitas horas e unha boa pensada! Dende logo coa túa entrada sentas as bases dunha boa estrutura para a mesma, noraboa!
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas, Uxía!
      Moitas grazas polas amables palabras!
      Saudiña! :)

      Eliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares