Tema 5: Diario

Benvidas de novo benqueridas lectoras e lectores!

Hoxe falaremos do que se viu na clase: As Linguas Estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional durante as sesións relacionadas co tema 5. Para completar os contidos desta entrada podedes ler a publicación anterior, que relata e amosa as actividades realizadas durante este tema, para acceder a ela: pincha aquí.

Neste tema falamos, brevemente, sobre o concepto de currículo e o de competencias chave, mais tamén abarcamos con maior profundidade a avaliación, as diferentes competencias educativas das administracións e o currículo das linguas estranxeiras na Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), no bacharelato, na Formación Profesional (FP) e nas ensinanzas de idiomas de réxime especiais, en concreto na Escola Oficial de Idiomas (EOI). Nesta entrada centrareime especialmente nas linguas estranxeiras da FP e a concepción que se ten deste tipo de ensinanza, pois foi no aspecto no que se centrou o meu grupo na presentación que se recolle na entrada mencionada previamente.

Gustaríame comezar por comentar que as FP están baseadas nunha ensinanza distribuída en módulos e entre eles consta o correspondente ás linguas estranxeiras. Este módulo non é obrigatorio en tódalas ensinanzas da FP, de feito ata hai pouco o módulo en linguas estranxeiras limitábase ós ciclos nos que eran imprescindibles os idiomas. Actualmente o número de ciclos formativos que inclúen este módulo aumentou de forma exponencial, pois a xunta impulsou un plan para que os centros interesados en ofertar ciclos plurilingües poida facelo.

A pesar deste impulso por parte da administración, a lingua estranxeira que se adoita ofertar é o inglés, só nalgúns ciclos como o Ciclo Superior en Asistencia á Dirección se oferta unha segunda lingua estranxeira, e neste caso nin sequera se concreta de cal se trata.

Persoalmente penso que malia ser un paso na dirección correcta, aínda queda moito camiño por andar. Como explico nestoutra entrada, o plurilingüismo e a pluriculturalidade van da man, que son as competencias que a xunta intenta impulsar coa incorporación de máis centros ó seu plan. Mais se a única lingua pola que se ten interese por impartir é o inglés, non se fomenta o plurilingüismo, e como consecuencia, tampouco o pluriculturalismo. A posibilidade de ter unha oferta máis variada é de vital importancia, pois idiomas como o francés ou o portugués son linguas que a nosa sociedade esixe coñecer, e inda máis se falamos de Vigo, que se atopa á beira de Portugal e ademais ten no seu concello unha fábrica moi importante de orixe francesa.

Polo que vimos de comentar, na miña opinión é unha mágoa que nos ciclos formativos se descoide a posibilidade de aprender un idioma diferente do inglés. Tamén é inxusto que a FP quede relegada a un segundo plano, coma se fose menos importante ca outros estudos, coma os universitarios; mais este é unha educación que lle permite compaxinar a aprendizaxe e o traballo a moita xente.

Sen ir máis lonxe, eu mesma pensei que unha FP era peor ca unha carreira, pero o certo é que estaba completamente equivocada: son educacións diferentes. Unha FP é igual de válida que unha carreira universitaria.

Comentarios

  1. Ola, Paula!
    Parabéns pola túa entrada tan completa e reflexión moi acertada sobre os estudos de Formación Profesional. Na miña época como estudante de secundaria presentábasenos a FP como a saída “sinxela” para aqueles compañeiros/as que tiñan dificultades para rematar os estudos de ESO. Por sorte, creo que esa consideración xeneralizada de que estes estudos eran de “segunda” está a mudar nos últimos anos, pero aínda queda moito camiño por percorrer para equipararnos a outros países europeos máis desenvolvidos neste sentido. Por outra parte, estou totalmente de acordo contigo en que o peso da ensinanza de linguas estranxeiras neste tipo de estudos debería ser moito maior e non limitarse só ao inglés, pois dependendo da localización xeográfica como ben indicas ou mesmo das oportunidades específicas de traballo asociadas a cada especialidade concreta, pode ser interesante incluír unha lingua estranxeira ou outra. Confiemos en que se vaian dando pasiños lentos pero seguros para promover a aprendizaxe de distintas linguas estranxeiras e fomentar ese plurilingüísimo e pluriculturalidade neste tipo de estudos!
    Feliz comezo de ano! Unha aperta😊

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares